Templo da Veracruz
Rúa de Evaristo Vaamonde, 5, 32500 O Carballiño
É o segundo gran proxecto construído en Galicia polo arquitecto Antonio Palacios Ramilo de toda a serie de traballos de temática relixiosa. O primeiro fora o Templo Votivo do Mar de Panxón, en Nigrán, Pontevedra. O proxecto do Templo da Veracruz foille encargado no ano 1942, aproveitando unha viaxe do arquitecto a Ourense, por Evaristo Vaamonde, párroco da vila, e unha comisión de veciños que consideraban insuficiente o templo parroquial e tentaban construír un novo.
Está construído na súa totalidade con materiais da comarca, en especial granito e lousa, representando a obra máis grandiosa e identificadora da vila. O estilo, no seu conxunto, é de difícil definición, por canto trátase dunha amálgama de moi diversas formas arquitectónicas e escultóricas.
No en tanto, o historiador carballiñés Felipe Senén Gómez, erudito da obra palaciana, que estudou profusamente este caso, xeneralizando acerca da súa arquitectura relixiosa, di que “os seus templos son como unha suma teolóxica da arquitectura histórica de Galicia, en relación tamén coa arquitectura do Camiño de Santiago, coa arquitectura inglesa, o atlantismo e, cos modelos e admiración de Palacios á Escola Vienesa”.
Así, obsérvanse influencias e trazos de todas estas formas de construción: pazos, mosteiros (Oseira, Melón), catedrais, igrexas, castelos. A simboloxía está presente en cada un dos elementos do templo e, no seu conxunto, a Veracruz é todo un símbolo expresionista da época.