O Carballiño avanza na recuperación dos seus espazos naturais e na mellora da accesibilidade turística
- As actuacións do PSTD inclúen a rexeneración do entorno fluvial do río Arenteiro e a ampliación da súa senda, reforzando un modelo turístico sostible vinculado ao territorio
O Concello continúa desenvolvendo actuacións no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “O Carballiño e a gastronomía do polbo”, centradas na rexeneración ambiental, a posta en valor do territorio e a mellora da accesibilidade.
Este bloque de actuacións forma parte do investimento global de 1.000.000 de euros financiados pola Unión Europea – NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, coa participación do Ministerio de Industria e Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.
Unha das actuacións principais é a rexeneración do entorno fluvial do río Arenteiro, cun investimento de 118.905,34 euros. Esta intervención ten como obxectivo recuperar espazos degradados, mellorar a súa integración co núcleo urbano e consolidar este entorno como un espazo de lecer, encontro e contacto coa natureza, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
Paralelamente, estase a levar a cabo a ampliación da Senda do Arenteiro (PR-G 79) ata o Bañiño de Arcos, cun investimento de 72.581,77 euros. Esta actuación permitirá ampliar a rede de sendeiros do municipio, mellorar a accesibilidade a zonas de alto valor ambiental e favorecer a mobilidade sostible, promovendo un turismo activo e respectuoso co medio.
Estas intervencións responden a unha estratexia que sitúa a natureza e o territorio como elementos centrais da experiencia turística, contribuíndo á conservación dos recursos naturais e á mellora da calidade ambiental. Ao mesmo tempo, reforzan a conexión entre o espazo urbano e o medio natural, xerando novas oportunidades de uso e desfrute que contribúen á desestacionalización da actividade turística.
O Carballiño consolida así un modelo de desenvolvemento turístico baseado na sostibilidade, na posta en valor dos seus recursos propios e na creación de experiencias vinculadas ao territorio.
