O Carballiño en 3 días

No caso de dispor de 3 días para coñecer O Carballiño, recomendámosche unha primeira xornada máis centrada no centro da vila, unha segunda xornada de lecer e descanso e unha terceira xornada para coñecer os recursos do territorio nas aforas da vila.

Día 1
Día 2
Día 3

DÍA 1

Mañá

Pola mañá o que recomendamos e dar unha volta pola vila visitando o Templo da Veracruz e dando un paseo pola rúa principal chea de comercios e de vida para chegar á Praza Maior e á Igrexa Parroquial de San Cibrao ou “Igrexa Vella”. Despois desta voltiña, pode ser bo momento para tomar un aperitivo nalgunha das terrazas desta zona.

Posteirormente podemos coñecer a Praza de Abastos para facer algunha compra ou simplemente para ver os produtos que ofrecen os praceiros.

Moi preto da Praza está o Gran Balneario do Carballiño no que poderemos percorrer os seus xardíns e contemplar o edificio, rematando cun paseo a beira do Arenteiro que pode ser duns centos de metros pola zona do Balneario, ata de varios quilómetros polo sendeiro que vai por ambos lados do río Arenteiro.

Comer

Para rematar a mañá, nada mellor que un bo xantar nalgún dos restaurantes que temos no Concello degustando o prato estrela do Carballiño, o pulpo, ou calquera das múltiples opcións que temos.

Tarde

Para a tarde, recomendamos dar un paseo polo Parque Municipal do Carballiño ata a Pena dos Namorados (dentro do complexo do Parque Etnográfico). Ida e volta dende o centro da vila son arredor de 6 quilómetros, por sendeiros espectaculares sempre moi preto do río Arenteiro.

Cea

A nosa recomendación para a cea e saír de tapas pola vila, onde temos moitas e moi variadas opcións. Tamén poderemos degustar os viños, principalmente os do Ribeiro. 


DÍA 2

Mañá

O Carballiño é un concello coñecido polas súas augas termais, por eso recomendamos desfrutar dun tempo de descanso e relax nun dos seus centros termais: Gran Balneario do Carballiño ou Caldas de Partovia. O Gran Balneario alberga as principais instalacións do balneario, renovadas e ampliadas, con baños, duchas, inhalacións e hidromasaxe. Instalacións modernas nun edificio histórico. E Caldas de Partovia destaca polas súas augas indicadas para procesos reumáticos e afeccións respiratorias e otorrinolaringolóxicas. Calquera das dúas opcións é ideal para desfrutar dos seus tratamentos. 

Comer

Para rematar a mañá, nada mellor que un bo xantar nalgún dos restaurantes que temos no Concello  ou desprazarse directamente ao Parque Etnográfico, no que pasaremos a tarde. Nel atópanse dous restaurantes nun enclave único á beira do río Arenteiro.

Tarde

Tras o desfrute da experiencia termal e un bo xantar, recomendamos desprazarse ao Parque Etnográfico do Arenteiro. Tras o xantar, poderás desfrutar de todos os recursos que ofrece este espazo: Pena dos Namorados, Museo Muíño do Anxo, Museo da Fábrica de Papel, Piscifactoría, ou simplemente pasear nesta zona á beira do Río Arenteiro.

Atópase ás aforas do núcleo urbán do Carballiño (a 5 minutos en coche), nun enclave de tranquilidade e rodeados de natureza, sendo un espazo de gran interese turístico. Rutas, sendeiros e pontes de madeira conforman este lugar, ás beiras do río Arenteiro. Outra opción e chegar dando un paseo dende o centro da vila, sendo 6 quilómetros a distancia que separa o parque da vila.

Cea

A nosa recomendación para a cea e saír de novo de tapas pola vila, xa que as opcións son variadas.


DÍA 3

Mañá

Pola mañá do terceiro día a nosa proposta é realizar unha interesante ruta de sendeirismo dende o Parque Municipal ata Pazos de Arenteiro (PR G-79, Sendeiro do Arenteiro). O percorrido total é de 11 quilómetros, podendo o turista decidir realizar a ruta enteira ou tan so un tramo da mesma.

Comeza no Parque Municipal do Carballiño, fronte á piscifactoría. Pasa pola popular Pena dos Namorados e polo Parque Etnográfico do Arenteiro onde se atopan o interesante ecomuseo do Muíño do Anxo, o cámping municipal  e o museo da Fábrica de Papel.

A senda cruza o río Arenteiro ata en cinco ocasións mediante varias pontes. Entre eles destacan a de Ponterriza e a de Castro Cavadoso.

Tras pasar por Ponterriza chégase á aldea de Moldes, xunto aos antigos alpendres de feira. É recomendable subir ata a igrexa románica de San Mamede, monumento nacional inmerso nunha romántica contorna marcada por castiñeiros de gran tamaño e un antigo cemiterio onde repousan ilustres intelectuais galegos.

Descendendo cara ao río, nunha contorna case máxica baixo os roquedos que sosteñen os restos da fortaleza de Castro Cavadoso, unha magnífica ponte pétrea supera o río Arenteiro creando unha fermosa postal. Despois, o camiño sobe lentamente ata o barrio de Cima de Vila e descende ata Cabanelas coa súa igrexa, pazos e casas blasonadas.

O itinerario prosegue cara Pazos de Arenteiro. Antes de entrar nesta  vila de gran interese histórico e arquitectónico, merece a pena achegarse ao “Pozo dos Fumes” onde o río parece volatilizarse entre as rocas.

Comer

Para rematar a mañá, nada mellor que un bo xantar. Poderemos xantar na propia aldea de Pazos de Arenteiro. 

Tarde

A proposta para a tarde é visitar dous recursos destacados deste territorio: o castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Cidade, un dos castros senlleiros da cultura castrexa; e o Mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea), mosteiro trapense de fundación real que ao longo da súa historia tivo unha gran importancia económica e social na comarca e terras máis afastadas. 

Ademais, no mesmo concello no que se atopa o mosteiro, poderemos visitar algún dos seus fornos e mercar o famoso pan de Cea, con indicación xeográfica protexida. 

Tras estas dúas visitas, poderemos desfrutar tamén dalgunha experiencia enoturística nalgunha das adegas da Ruta do Viño do Ribeiro

Cea

A nosa recomendación para a cea é voltar á vila do Carballiño e seguir desfrutando das tapas e restaurantes deste concello.

Axenda

Consulta a axenda de eventos que seguro que, ademais das nosas propostas, atopas algunha actividade para poder complementar a túa estancia.

Axenda
Política de Privacidade
Usamos cookies para mellorar a túa experiencia mentres usas o noso sitio web. Se está a usar os nosos Servizos a través dun navegador, pode restrinxir, bloquear ou eliminar as cookies mediante a configuración do seu navegador web. Tamén usamos contido e scripts de terceiros que poden usar tecnoloxías de seguimento. Podes proporcionar o teu consentimento selectivamente a continuación para permitir as insercións de terceiros. Para obter información completa sobre as cookies que utilizamos, os datos que recompilamos e como os procesamos, consulta a nosa Política de Privacidade
Youtube
Consentimento para mostrar contido de - Youtube
Vimeo
Consentimento para mostrar contido de - Vimeo
Google Maps
Consentimento para mostrar contido de - Google